NOIA> Os que tamén se reuniron hoxe en Noia foron os alcaldes e representantes do BNG nas comarcas do Barbanza e Muros e Noia. Acompañados pola deputada provincial Ánxela Franco, valoraron moi positivamente o novo Plan de Obras de Servizos da Deputación da Coruña, que consideran máis xusto para os veciños das dúas comarcas.
Un plan que supón un reparto máis xusto para os veciños e veciñas de cada concello, é a idea que esta mañá quixeron destacar en Noia os representantes do Bloque Nacionalista Galego das comarcas do Barbanza e Muros e Noia. A deputada provincial Ánxela Franco, explicou que ademais supón un aumento dos ingresos que perciben os concellos e que evitará desigualdade. O novo plan de Obras e Servizos aseguran que facilitará o pago a proveedores e favorecerá a situación das empresas locais. Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo, puxo de manifesto a coherencia do BNG, e expresou o desexo de que a Xunta empregue os mesmos criterios de obxectividade. A responsable comarcal do BNG, Cristina Andrade, destacou o aumento de ingresos que supuxo para a maioría dos concellos. A representante da comarca de Muros-Noia salientou que este proxecto pon fin ó reparto discrecional dos cartos.