Cruz Vermella fomenta a prevención dos accidentes entre os máis pequenos

    BOIRO > A prevención dos accidentes infantís constitúe un dos obxectivos prioritarios para a Cruz Vermella de Boiro que, dende hai algunhas semanas, vén desenvolvendo obradoiros sobre esta temática en diversos colexios do municipio. Os pequenos coñecen da man dos seus monitores os principais riscos que se poden atopar en diversos ámbitos da súa vida diaria como a casa, a escola ou a rúa.

    Os divertidos personaxes de Previ e Don Risco van guiando ós cativos a través dun itinerario no que se agochan diversos perigos. A súa misión é descubrilos, tratando de previr todas aquelas situacións que poidan derivar en accidentes tales como caídas, golpes, cortes ou queimaduras. Deste xeito, os escolares de Abanqueiro aprenden as conductas máis axeitadas para garanti-la súa seguridade tanto na casa como na escola ou en diversos lugares de ocio.

    A iniciativa, promovida pola Asemblea Local da Cruz Vermella de Boiro, está a acadar un enorme éxito de resultado cunha resposta máis que positiva por parte dos rapaces.

    O obradoiro lévase desenvolvendo dende hai tres semanas no colexio público de Abanqueiro e continuará ó longo de dúas semanas máis. As sesións, consistentes nunha hora semanal, serven para que os pequenos vaian adquirindo certa cultura preventiva á hora de desenvolver as súas accións.

    A pesar da brevidade do cursiño, os resultados están a ser altamente positivos polo que a Cruz Vermella non descarta continuar traballando esta temática nun futuro. Ademais do traballo cos rapaces, o taller contempla actividades de formación para pais e mestres consistentes nun seminario de primeiros auxilios que faculte ós seus participantes para actuar ante situacións de emerxencia.

    Redacción Barbanza