Viamare lucirá o logotipo do centenario de Ribeira nos seus establecementos

    RIBEIRA > Os comercios ribeireses lucirán nos escaparates dos seus establecementos o logotipo do centenario deseñado co gallo da concesión do título de cidade a Ribeira. O coordinador dos actos do centenario, Luciano Fernández, e a xerente do Centro Comercial Viamare, Ruth Taladriz, realizaron unha pegada simbólica  deste distintivo na sede da Asociación de Empresarios da localidade.

    O sector do comercio de Ribeira toma parte activa nos actos do centenario deseñados dende o concello e como medida de apoio lucirá nos seus escaparates o logotipo realizado para conmemora-la concesión a Ribeira do título de cidade no ano 1906.

    A proposta partiu dos propios comerciantes, concretamente do presidente da Asociación de Empresarios de Ribeira, Xosé Paz, que á súa vez forma parte do propio comité asesor dos actos do centenario.

    Dende o sector do comercio apoiase esta iniciativa, proba diso é que os comercios adheridos ó Centro Comercial Viamare lucirán este distintivo. Aínda que a proposta non será exclusiva a estes locais e estará aberta a tódolos establecementos do municipio que o desexen.

    Coincididindo coa data da concesión do título de cidade a Ribeira, o executivo local celebrará un acto institucional no concello que estará presidido polo Conselleiro da Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu.

    O salón de plenos do concello de Ribeira será o escenario no que se desenvolverán parte dos actos organizados polo executivo ribeirés co gallo da concesión a Ribeira do título de cidade, un feito que se producía un 23 de marzo de 1906, hai agora cen anos.

    Por tal motivo está prevista a lectura dunha declaración institucional con motivo desta concesión e polo irmanamento coa cidade valenciá de Albaida, que recibiu ese mesmo día tamén o título de cidade.

    Durante o acto, que estará presidido polo Conselleiro da Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, tamén se realizará a concesión do título de fillos adoptivos da cidade a magdalena Bringas, presidenta da Asociación de Amas de Casa, e Ramiro Carregal, presidente da conserveira Frinsa.

    Os actos desta xornada rematarán cun xantar oficial que se desenvolverá nun restaurante da localidade e ó que participarán da vida política, social, empresarial e cultural de Ribeira.

    Redacción Barbanza