RIANXO> A flota do bou de vara de Rianxo e Cambados iniciou esta semana a campaña, con resultados peores dos que agardaban. A volandeira, a principal especie desta arte, non está a ter un prezo alto en lonxa debido a baixa demanda en fresco con destino a restauración.
Apenas catro días despois do inicio da campaña do bou de vara, e as sensacións en Rianxo non están a ser as agardadas. Aínda que o nivel de capturas, fundamentalmente a volandeira, a principal especie deste colectivo, son boas, o prezo que se está a pagar por ela non é o esperado.
En canto ó resto de especies desta arte como son o chopo ou a nécora, máis do mesmo, son escasas.
Con apenas consumo en fresco debido ás restricións da covid na restauración, a maioría da volandeira ten coma destino a conserva. A proposta de fixar hai uns anos un prezo mínimo de un euro e medio para a especie fai que os mariñeiros que se dedican a esta arte poidan obter un soldo máis ou menos digno.
Con estes resultados nos primeiros días, a campaña para o sector, que en principio, se prolongará ata finais de marzo, prevese longa.