O pleno ratifica o seu apoio ó mantemento da Secundaria no IES Coroso

    RIBEIRA > A corporación municipal de Ribeira reuniuse na tarde do luns para debater varias mocións presentadas polos distintos grupos. Un dos puntos de maior actualidade foi a necesidade do mantemento das clases de secundaria no IES Coroso, iniciativa respaldada polo pleno. A este respecto, o alcalde solicitará unha entrevista con Conselleira de Educación, para transmitirlle a unidade existente en torno a esta postura de tódolos membros da corporación e da comunidade educativa.

    O pleno iniciouse coa revisión anal do padrón municipal composto na actualidade por 27.114 persoas, divididas en 13.419 homes e 13.695 mulleres. A continuación, os representantes municipais debateron a moción presentada polo PSOE en relación á supresión do símbolo do PP no logotipo do centenario, xa que segundo os socialistas garda unha estreita semellanza coa gaivota representativa dos populares. A moción non saiu adiante por mor dos votos en contra do PP, quen alegou que este símbolo é froito dun concurso público elixido por un xurado técnico sen ningunha representación política.

    As mocións presentadas por Manuel Ruíz en relación ó arranxo do tramo Oleiros-Corrubedo na estrada AC-302 e as axudas para a reparación dos danos provocados polo temporal do pasado mes foron aprobadas por unanimidade. Non aconteceu o mesmo coa proposta da voceira nacionalista, Dominga Brión, referida á utilización das zonas de carga e descarga na rúa General Franco. Os populares votaron en contra, alegando que as obras nesta zona están a realizarse con moita rapidez o que suporá a pronta restauración da normal circulación.

    En canto á dotación dun acceso rodado ó porto de Corrubedo solicitado por IPdeR, a proposta quedou enriba da mesa para o estudo de posibles actuacións na zona.

    O asunto que levantou maior expectación foi a moción presentada polo PP en relación coa situación do IES Coroso, pendente da supresión das clases de Secundaria en función do decreto aprobado polo goberno para a regulación dos centros integrados. Boa parte da comunidade educativa de Ribeira asistiu ó debate deste punto que foi aprobado por unanimidade por tódolos membros da corporación. O pleno acordou solicitar unha entrevista coa conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, para expresar o sentir colectivo dos ribeireses en relación á necesidade de manter este servizo para evitar a masificación dos demais centros públicos.

    A última moción debatida foi a presentada por Dominga Brión, referida ás supostas irregularidades na contratación do arquitecto municipal polo que solicitaba a nova convocatoria da praza. A proposta non saiu adiante debido á abstención de IPdR e os votos en contra do PP. Neste sentido, Torres Colomer explicou que no inicio do proceso de contratación non houbo ningún candidato que superase as probas de acceso polo que houbo que buscar unha saída para a cobertura urxente da praza.

    Redacción Barbanza