O concello da Pobra incrementará os controis para erradicar os vertidos do polígono

    POBRA> O concello da Pobra intensificará os controis sobre os vertidos no polígono da Tomada. Pretenden instalar tomas de mostras nas propias empresas para identificar ás infractoras e poder sancionalas. Son varias as sancións que ten recibido o concello da Pobra por mor dos puntos de vertidos á rede de pluviais detectados na Tomada. A última das multas ascende a trinta mil euros. Para poñerlle fin a estas prácticas contaminantes, o concello decidiu asumir directamente a toma de mostras. Será a policía local a encargada de recollelas nada máis detectarse o vertido. A inmediatez na recollida non será suficiente para identificar á empresa infractora polo que se procederá a analizar as mostras para tentar delimitar o tipo de factoría da que proveñen. A partir de aí, instalaranse controis nas empresas para no caso de detectar vertidos proceder a aplicar as correspondentes sancións. Pola súa banda, Augas de Galicia realizará tamén os controis habituais enmarcados no Plan de Vertidos da Xunta.