Pobra aposta por potenciar o turismo

    POBRA> O concello disporá dunha nova persoa na oficina de turismo co obxectivo de mellorar a calidade dos seus servizos e ofrecer a mellor imaxe turística do municipio. Esta contratación está financiada pola Xunta de Galicia.

    A delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, visitou hoxe o concello da Pobra do Caramiñal para comunicarlle ó alcalde, Isaac Maceiras, que lle foi concedida unha subvención de 8.000 euros para contratar un novo traballador na oficina de turismo durante a temporada estival. Ademais do municipio pobrense, beneficiaranse destas axudas outras oito localidades da provincia da Coruña, entre as que tamén está Ribeira. Do Campo indicou que un dos principais obxectivos destas aportacións é garantir a calidade do servizo turístico, traballando con persoal cualificado que potencie a imaxe de cada municipio e da comunidade galega ó exterior. O alcalde, Isaac Maceiras, mostrou a súa satisfacción por esta comunicación, xa que un dos principais motores da Pobra do Caramiñal é o turismo, e con estas accións apóstase pola súa mellora. Detallou ademais que as sensacións para este verán son especialmente boas, xa que hoteis, casas rurais e cámpings estarán ó 100% en agosto, segundo apuntan as reservas. Tamén se espera, segundo comunicou, moito turismo alemán neste 2014 que se suma ó inglés e francés que xa era habitual. A nova incorporación na oficina de turismo deberá ofrecerlles a mellor imaxe das paisaxes, praias e gastronomía pobrense e galega. Mañá comezará o proceso de selección.