RIBEIRA > O executivo ribeirés ten previsto iniciar nas próximas semanas a pavimentación de sete camiños en diversas parroquias do municipio. A actuación terá un custe superior ós 86 mil euros.
Con estas actuacións o goberno ribeirés continúa cos traballos nos distintos núcleos do municipio, de tal xeito que, ademais do programa de peonalización das rúas do centro urbano de Ribeira, procederase tamén á mellora da rúas nas parroquias.
En Palmeira está prevista a pavimentación dos camiños de Chacín a Carolo e de Carolo a Muíño Vello. Esta actuación terá un custe de preto dos 18 mil euros.
Na zona de Deán en Ribeira o executivo local vai realizar dúas actuacións no Camiño de Agro da Area e o de Cabasás. A primeira obra terá un custe de máis de 20 mil euros mentres que a segunda superará os 18 mil.
En Aguiño procederase á pavimentación do Camiño da Graña a Couso, cun orzamento previsto de máis de 18 euros e un prazo de execución dun mes a partir do inicio das obras.
En Oleiros a pavimentación do camiño de Carballo a Sobrido e en Olveira o que une Campelos con Olveira de Arriba cun orzamento previsto ó redor dos 12 mil euros.
A intención do executivo local con estas actuacións no é outro que renova-los camiños que actualmente presentan pavimentos irregulares en canto a trazado e rasanteo, estrando as súas superficies danadas polas accións climáticas adversas, agravándose durante a época invernal, cando as chuvias arrastran o firme sen asfaltar e debido á existencia de cunetas, polo que se forman charcos e surcos.
Estas actuacións forman parte do programa de mellora dos núcleos rurais en distintas parroquias do municipio, apostando pola igualdade de servizos entre tódolos veciños do concello ribeirés.
Redacción Barbanza