O Conselleiro de Industria inaugura as novas instalacións do mercado da Pobra

    POBRA > O Conselleiro de Industria, Comercio e Turismo, Fernando Blanco, inaugurou oficialmente as novas dependencias do mercado municipal da Pobra do Caramiñal. Fernando Blanco puido comprobar de primeira man as modernas instalacións que teñen os veciños da Pobra para realiza-las súas compras.

    mercadopobra_300_280306.jpgO Conselleiro, acompañado do alcalde, Isaac Maceiras, e demais membros da corporación municipal achegouse ata as novas instalacións do mercado municipal para proceder á súa inauguración oficial. Un acto que levantou unha gran expectación na localidade e que congregou na praza de abastos a un bo número de veciños que non quixeron perderse a nova apertura.

    Con anterioridade a realiza-lo descubrimento da placa, tivo lugar a bendición das novas dependencias por parte do cura párroco do Caramiñal, Manuel Villar.

    Durante a súa intervención o Titular de Industria destacou a obra do novo mercado, que segundo el, permitirá o acceso doado a tódolos postos de venda, a comodidade para o consumidor e a igualdade de oportunidades para todos os vendedores da praza.

    Fernando Blanco manifestou tamén a importancia de que a Consellería de Innovación e Industria apoie e teña iniciativas que fomenten os mercados locais de produtos frescos, nos que a proximidade e a confianza entre produtores, comercializadores e consumidores finais forman un ciclo con gran repercusión económica e social en vilas como a da Pobra do Caramiñal.

    Pola súa banda o rexedor pobrés, Isaac Maceiras, fixo alusión ó resultado das obras que fan posible que a localidade conte cun moderno mercado.

    Logo do turno de intervencións, tanto o Conselleiro de Industria como o rexedor pobrés fixeron un percorrido polas novas instalacións visitando e charlando cos diferentes propietarios dos 50 postos existentes na praza, entre carnicerías, panaderías, peixerías ou tendas de conxelados entre outras.

    As obras de construción do novo mercado municipal pobrés ascenderon a máis dun millón trescentos mil euros e foron realizadas pola empresa Oñial, financiadas pola Xunta de Galicia,  a Deputación da Coruña e o propio concello.

    A praza contará con 30 postos aproximadamente, repartidos todos pola súa planta baixa, 12 abertos para a venda de peixe, flores ou legumes e 13 pechados para a comercialización de carne, froita, conxelados ou produtos de charcutería.

    Os propietarios dos postos ansiaban dende hai tempo poder realiza-lo seu traballo diario nas novas instalacións totalmente melloradas e con servizos máis modernos.

    Ademais as persoas que a partir de hoxe se acheguen ó novo mercado municipal quedarán verdadeiramente fascinados co resultado final das obras, xa que se conseguiron unhas instalacións máis funcionais e dinámicas, e que de seguro influirán no incremento no número de vendas.

    Doce mesas de venda de peixe, dúas florerías, unha panadería, dous postos de venda de verduras e legumes, unha panadería, dous postos de conxelados, tres carnicerías, dúas charcuterías, tres froiterías e un posto de bacalao completan a oferta da nova praza de abastos da Pobra, que abriu as súas portas despois de dous anos nos que os vendedores tiveron que instalarse nunhas instalacións provisionais.

    A maioría dos vendedores do novo mercado municipal amosaron tamén a súa satisfacción polas novas instalacións, confiando en que as vendas vaian tamén incrementándose.

    Ademais na planta superior instalouse unha moderna cafetería restaurante ‘A terraza de Chicolino’, que conta cun espazo verdadeiramente privilexiado nun marco incomparable, dende o que se pode divisar a Ría de Arousa.

    A súa apertura terá lugar a vindeira semana, concretamente o próximo venres, aínda que as persoas que se achegaron ata a nova praza puideron comproba-lo resultado final das obras, con acabados moi modernos e no que prima a súa beleza e estética do máis funcional.

    Redacción Barbanza