Espectacular secuestro dun armador ribeirés en Perú

    RIBEIRA > A nova do secuestro do empresario ribeirés Andrés Gude está a xerar unha gran expectación no concello barbanzán. Os feitos aconteceron o pasado mércores na cidade de Lima, en Perú, onde o armador se atopaba en viaxe de negocios. Un grupo de encapuchados interceptou o seu vehículo e a punta de pistola sacaron ó empresario do seu coche introducíndoo nunha furgoneta.

    Dende o mércores á unha da madrugada, hora española, o armador ribeirés Andrés Gude, permanece en paradeiro descoñecido. Polo momento, descoñécese se os secuestradores se puxeron en contacto coa familia aínda que, segundo o xornal peruano ‘La República’, a banda pediu un rescate de dous millóns e medio de euros.

    No espectacular secuestro no que interviñeron varias persoas encapuchadas a bordo de tres furgóns, Andrés Gude puido resultar ferido xa que segundo relatou o chofer que o acompañaba, os secuestradores efectuaron varios disparos alcanzándolle nun ombreiro.

    Gude levaba varios días en Lima por motivos de negocios xa que rexenta unha empresa dedicada á pesca que opera fundamentalmente enl Brasil e Perú.

    Dáse a casualidade de que o armador xa sufrira un intento de secuestro hai algúns meses do que conseguiu escapar. Dende aquela, o empresario tiña contratada unha compañía de seguridade e viaxaba sempre con escolta aínda que nesta ocasión os axentes de seguridade desapareceron sen cumprir co seu traballo.

    Ata o momento, o desconcerto entre os veciños de Ribeira é máximo mentres se agardan novas da investigación que está a levar a cabo a brigada antisecuestros. O fillo maior de Andrés Gude, que forma parte tamén da empresa Gude González Hermanos, viaxou xa ata Lima para colaborar nas pesquisas e establecer contacto cos secuestradores.

    Redacción Barbanza