O núcleo rural de Moimenta contará cunha Área de Rehabilitación Integral

    BOIRO > Representantes da Consellería de Vivenda e Solo visitaron o concello de Boiro para tratar co executivo municipal a rehabilitación de varios núcleos rurais do municipio. O obxectivo é declarar a parroquia de Moimenta como área de rehabilitación integral co obxectivo de preserva-lo patrimonio garantindo a calidade de vida dos veciños.

    A Directora Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, Encarna Otero, e o delegado Provincial da Consellería de Vivenda, Xoán Carlos Bascuas, quixeron coñecer in situ o estado no que se atopa o núcleo rural de Moimenta, para o que está prevista a dotación dun área de rehabilitación integral.

    Coa declaración de zona ARI contémplanse unha serie de subvencións para a rehabiulitación dos inmobles e espazos públicos de cara a conservar o patrimonio rural ó mesmo tempo que se dota ós veciños de infraestruturas e servizos axeitados. Os termos do convenio entre a Consellería e o executivo municipal establecen axudas de ata o 40 por cento para o acondicionamento de edificios, interior de vivendas e elementos comúns así como un 50 por cento para o espazo público. Así mesmo, contémplase a implantacióin dunha oficina de información na que os veciños reciban o asesoramento preciso para acomete-las reformas nas súas vivendas.

    O obxectivo da Consellería é conservar o patrimonio xa existente nos núcleos rurais, de gran riqueza en toda a comunidade galega, en lugar de edificar novas construcións que alteren o aspecto orixinal.

    No transcurso da xuntanza cos representantes autonómicos, o alcalde boirés platexou tamén a necesidade de rehabilitación da praza de Bealo, procedendo ó seu empedrado e a reposición de servizos básicos.

    Redacción Barbanza