LOUSAME> A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, quixo coñecer de primeira man os traballos de prevención que se están a executar actualmente na zona do monte Treito, que afecta ós concellos de Lousame, Rianxo e Dodro, no marco do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia, PLADIGA 2026.
Neste caso os traballos consisten na limpeza e o acondicionamento de varias franxas de seguridade para limitar a continuidade da biomasa vexetal e reducir así o risco de propagación dos incendios forestais en caso de que se produzan.
Segundo ela trátase de actuacións esencias para seguir reforzando a protección do territorio fronte ó lume.
As actuacións proxectadas, cuxos traballos se prolongarán ata outubro, afectarán a uns dez concellos da zona, nos que ademais de Lousame, Rianxo e Dodro, se sitúan tamén Boiro, Noia, Rois, Outes, Porto do Son, Padrón e a Pobra do Caramiñal. A Xunta destinará a este fin un orzamento de máis de 257 mil euros.











