A Policía Local de Rianxo instalará unha cámara de seguridade na Praza Castelao

    RIANXO > Tralo éxito acadado polas campañas de controis de velocidade e alcolemia, a Policía Local de Rianxo proseguirá coas actuacións encamiñadas a garantir a seguridade vial. Entre os proxectos, figura a instalación dunha cámara de seguridade na Praza de Castelao para garantir que se respecten os horarios nos que o recinto permanece pechado ó tráfico.

    A Policía Local de Rianxo pode estar satisfeita cos resultados das campañas de control de velocidade e alcolemia iniciadas durante o pasado ano. Grazas a esta iniciativa que leva aparellada a imposición de duras sancións para os infractores, conseguiuse reducir a velocidade de circulación á metade do habitual e nos últimos controis xa non se rexistraron vehículos que superasen os 100 quilómetros por hora.

    Nesta liña, o corpo policial ten prevista a instalación de cámaras de seguridade nalgúns espazos do concello co fin de conseguir que se cumpran as normas e horarios de circulación. A primeira das cámaras instalarase na Praza de Castelao posto que na actualidade son poucos os vehículos que respectan os horarios de peonalización da praza.

    O recinto permanece pechado ó tráfico os domingos durante varias horas ó día para permitir o libre tránsito dos peóns. Do mesmo xeito, a praza peonalízase tódalas noites de verán, unha vez pechado o comercio. O xefe da policía, Antonio Tubío, indicou que os axentes serán moi estrictos coas denuncias para evitar que os condutores sigan invadinado o espazo cando está prohibido.

    Tubío agarda unha total colaboración por parte dos veciños polo que considera que a iniciativa ten o éxito garantizado.

    Redacción Barbanza