![]()
BARBANZA > Moitos veciños barbanzáns espertaron sobresaltados na madrugada do sábado ó domingo a causa do terremoto de magnitude 5 rexistrado a 61 quilómetros da costa coruñesa. O tremor deixouse sentir en numerosos concellos da provincia con bastante intensidade posto que se trata do sismo máis forte rexistrado nas costas galegas.
Arredor das sete e media da mañá do domingo as sacudidas de terra alertaban ós máis madrugadores que puideron notar o terremoto de magnitude 5 na escala Ritcher así como as dez réplicas de menor intensidade ás que deu paso. Afortunadamente, e a pesar de tratarse do segundo sismo máis forte rexistrado na nosa comunidade, todo quedou nun susto e non se rexistraron danos considerables.
Ata a data, soamente superou este tremor, o rexistrado en Lugo hai nove anos que acadou unha intensidade de 5’3 graos.
Os sismólogos non tiñan coñecemento da importancia desta falla, situada a 61 quilómetros da costa e responsable do maior terremoto rexistrado no mar fronte a Galicia, posto que estaba considerada como unha zona de escasa actividade.
A orixe sitúase no lugar de transición entre a plataforma continental e a oceánica e corresponde a restos de movementos alpinos moi antigos. Por este motivo, os expertos consideran que non supón perigo de novos terremotos aínda que poderían producirse réplicas de certa intensidade.
Dende o Instituto Xeográfico Nacional a mensaxe é tranquilizadora posto que a distancia entre o epicentro e a costa e o feito de producirse baixo o mar minimizan o risco destes fenómenos. Así mesmo, consideran pouco probable que se rexistre nova actividade de maior magnitude.
Redacción Barbanza








