RIANXO> Á falla de apenas uns días para o inicio do novo curso escolar, o executivo rianxeiro vén de anunciar a realización dun plan que permitirá a mellora de tódalas escolas unitarias existentes no municipio. As actuacións desenvolveranse neste último trimestre do ano por un importe total duns 107 mil euros. Co fin de levar a cabo diversas actuacións de mellora na totalidade das escolas unitarias existentes no municipio, o executivo rianxeiro decidiu incluír nos orzamentos deste ano un creto de 500 mil euros para poder asumir este gasto, conscientes da dificultades de recadar apoios doutras Administracións para este fin. Dentro dese total, por valor duns 107 mil euros, realizaranse de forma inmediata diversas obras co fin de corrixir aquelas eivas máis urxentes en base a un informa elaborado dende o propio departamento de urbanismo municipal. Ademais desta importante actuación nas escolas unitarias, o concello rianxeiro desenvolverá tamén importantes actuacións no resto de centros educativos, como é o caso do Brea Segade en Taragoña, o CEIP Ana María Dieguez de Asados e o Castelao en Rianxo. Neste último colexio viranse a sumar ás que actualmente realiza a Xunta, a través da consellería de Educación, coa construción dun patio cuberto, unha vella demanda da comunidade educativa deste centro.
Inicio Barbanza - Muros - Noia









