![]()
RIBEIRA > A Consellería de Vivenda continúa cos seus actos para dar a coñecer o Plan Galego de Vivenda 2005-2008. O delegado provincial na Coruña, Xoán Carlos Bascuas, impartiu unha conferencia no salón de actos do ISM de Ribeira na que abordou as principais liñas deste proxecto en materia de vivenda, rehabilitación e solo residencial.
Xoán Carlos Bascuas explicou ante o público ribeirés que o Plan Galego de Vivenda da Consellería desenvolve o plan estatal adaptándoo ás necesidades e demandas da cidadanía galega. Neste documento establécense as axudas e subvencións en materia de vivenda así como os sistemas de financiamento para as vivendas de promoción pública e protección autonómica.
As axudas centraranse fundamentalmente nos suxeitos co máis dificultades para acceder a unha vivenda como son os mozos menores de 35 anos, ou os maiores que superen os 65, as familias, as vítimas da violencia de xénero ou as persoas cun baixo nivel de renda
Paralelamente ó desenvolvemento do plan de vivenda estanse implantando en toda Galicia diversas oficinas de información e asesoramento á hora de acceder a unha vivenda. O delegado anunciou que trala cobertura das grandes cidades, a comarca do Barbanza podería contar cun punto de información sobre vivenda. Neste punto, xa chegaran a un acordo o presidente do CECB, Jesús Lojo, e a conselleira de Vivenda, Tareixa Táboas, para establecer unha canle de comunicación permanente entre as dúas entidades.
Redacción Barbanza










