O Museo do Gravado de Artes acolle unha mostra antolóxica da obra de Rubens

    rubens_200_240706.jpgRIBEIRA > A Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, estivo no Museo do Gravado de Artes para inaugurar unha exposición antolóxica de Rubens. A mostra, que abarca dúas salas do edificio, recolle unha selección de máis de corenta gravados da obra do autor datados entre os séculos XVII e XX.

    No acto de inauguración da exposición tamén estiveron presentes algúns dos alcaldes da comarca e outros representantes políticos do Barbanza así como o presidente da Fundación de Artes, quen aproveitou a ocasión para facer un pequeno balance dos cinco anos de vida do museo.

    De feito, recalcou que nese período de tempo se realizaron diversas exposicións co obxectivo de difundir e dar a coñecer todas aquelas obras en grabado que sexan de interese.

    Ademais Javier Expósito recordou que aínda teñen moitos proxectos pendentes por realizar e adiantou que o próximo ano 2007 pretenden organizar exposicións de gravados de autores tan coñecidos como Miró ou Leonardo Da Vinci.rubens_2000_240706.jpg

    Pola súa banda, a Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, animou a toda a xente a visitar esta exposición antolóxica de Rubens na que se recollen grabados de diferentes xéneros e estilos e que mostran a calidade do autor.

    Ademais destacou a gran labor dinamizadora e cultural que está a desenvolver a Fundación do Gravado Artes xa que dende o seu nacemento buscou democratizar o acceso ás manifestacións culturais de todo tipo de público.

    A Conselleira comprometeuse tamén a apoiar económicamente este tipo de proxectos de expansión da cultura logo de que o presidente da Fundación lle recordase a necesidade de axuda e colaboración que requiren este tipo de institucions para poder desenvolver a súa labor.

    Redacción Barbanza