![]()
PONTEVEDRA > A Audiencia Nacional mantén aberta a operación Atrio, na que se investiga unha suposta estafa a gran escala na que estaría implicadas as sociedades Afinsa e Forum Filatélico. Máis de 350.000 familias poderían ter perdido os seus aforros investidos nestas empresas de filatelia y bens tanxibles, e segundo a policía, o fraude podería ascender a máis de 3.400 millóns de euros.
Calma e tranquilidade, é a mensaxe que máis escoitan estes días os clientes de Afinsa e Forum Filatélico. Os asesores destas empresas están desde onte practicamente colgados do teléfono atendendo ós miles de pequenos aforradores que depositaron a súa confianza e os seus cartos nos fondos de investimento de ambas empresas. É o caso da delegación de Afinsa en Pontevedra. O seu responsable, Javier Vela, pide ós clientes que esperen a ver que di a fiscalía cando se abra o segredo de sumario. Asegura que a pesar da alarma moitos aínda manteñen a confianza na empresa.
A pesar destes chamamentos á calma, os afectados continúan acercándose ás sedes de ambas empresas para saber que pasa cos seus cartos e nalgúns casos para tratar de recuperar os seus aforros. A posible estafa podería superar os 3.500 millóns de euros, os aforros de máis de 350.000 persoas, pequenos investidores que confiaron o seu diñeiro ás dúas sociedades, atraídos polos elevados intereses que prometían. En Galicia poderían ser uns 35 mil clientes, á súa disposición porase o venres un teléfono de información 900 321 123 no que poderán informarse dos seus dereitos. É unha das medidas adoptadas pola Consellería de Industria. Mañá o titular deste departamento, Fernando Blanco, reunirase en Madrid con responsables do Instituto Nacional de Consumo para pedir información e asesorar ós galegos afectados. O goberno central xa anunciou que as empresas que se dedican ó investimento en selos, obras de arte ou antigüidades non son entidades financeiras. Son intermediarios na compra destes productos e, polo tanto, os seus clientes non teñen dereito a acudir ós fondos de garantía en caso de quebra.
Tanto Afinsa como Forum Filatélico levan décadas operando en España, dando imaxe de empresas asentadas e con recursos. Forum ademais é coñecida pola súa aposta polo deporte, patrocinando o Forum Valladolid de Baloncesto ou o equipo de vela que leva o seu nome e que puidemos ver nos últimos veráns competindo en regatas pola ría de Pontevedra.
Redacción Salnés











