Sindicatos e patronal chegan a un preacordo de convenio colectivo do metal

    PONTEVEDRA > Xa hai preacordo. Despois de oito días de intensa folga, piquetes informativos e varias incidencias, sindicatos e patronal chegaron a un preacordo esta mañá. Tras máis de 20 horas reunidos en Vigo e tras varias cesións de parte e parte logrouse asinar un preacordo de convenio colectivo que conta co apoio de CIG, UGT e CCOO e que deberán apoiar en asemblea os traballadores para que sexa aprobado definitivamente. Iso si, mentres non se celebre a asemblea a folga continúa.

    folgametal_300_100506.jpgA espera foi longa pero, en principio, todo parece indicar que pagou a pena. Tras unha longa noite de negociacións, ás doce da mañá deste mércores asinábase en Vigo o preacordo de convenio colectivo polo que durante estes sete días de dura folga se estivo loitando. En Vilagarcía, un dos representantes sindicais da CIG na mesa de negociación, leu ós seus compañeiros os preacordos alcanzados nada máis chegar da cidade olívica.

    Dúas das nove reivindicacións foron logradas na súa totalidade e o resto, foron negociadas. No relativo ó soldo, tódolos traballadores recibirán un aumento anual de 800 euros. Sobre a regulación das subcontratas, os sindicatos conseguiron que se respecten as bolsas de traballadores cando unha empresa finaliza un contrato e chega outra a substituíla. Así garánteselles a estabilidade laboral. No tocante ó persoal fixo no sector do metal, será dun 35% durante o primeiro ano, 45% no segundo e 50% no último ano da vixencia do convenio. Respecto das mutuas e as baixas laborais, os sindicatos lograron o compromiso de que desde o primeiro día de baixa laboral perciban a totalidade do soldo e mailo poder de vetar á mutua en caso de insatisfacción cos servizos prestados.

    Se ben a satisfacción non é total co acordo alcanzado, os tres sindicatos, mantivéronse unidos durante a negociación e coinciden en destacar que o acordo tampouco é malo. O preacordo terá que ser debatido en asemblea o xoves ás dez da mañá e aprobado por tódolos traballadores. Namentres a folga (se ben, inicialmente a CIG comentara que quedaba desconvocada) segue en pé ata que o acordo sexa ratificado.

    Redacción Salnés