A ANPA de Coroso recorre a sanción imposta pola Subdelegación do Goberno

    RIBEIRA > A ANPA do IES Coroso vén de presentar un recurso contra a multa de mil euros imposta pola Subdelegación do Goberno polas manifestacións levadas a cabo polo colectivo en defensa do mantemento da oferta educativa. Este procedemento sancionador débese á presunta comisión dunha infracción administrativa grave tipificada na Lei de Seguridade Cidadá.

    coroso_300_160506.jpgOs membros da Asociación de Nais e Pais do IES Coroso cualifican de ‘antidemocrática’ a actitude da Subdelegación do Goberno na Coruña que vén de incoar un expediente sancionador por infracción administrativa. Segundo esta institución, as reiteradas manifestacións levadas a cabo pola comunidade educativa para evita-la aplicación do regulamento de centros integrados no instituto ribeirés constitúen unha infracción administrativa de carácter grave que conleva unha multa de mil euros.

    A resposta dos pais ante esta decisión non se fixo agardar e, onte mesmo, presentaron un recurso contra a decisión da Subdelegación do Goberno posto que ó seu entender constitúe ‘un intento de eliminar calquera tipo de crítica ante as imposicións gubernamentais’.

    O recurso ampárase no artigo 21 da Constitución Española que recolle ‘o dereito de reunión e manifestación dos cidadáns’ así como na Lei Orgánica do 15 de xullo de 1983 segundo a cal ‘ningunha xuntanza estará sometida ó réxime de previa autorización’ e que ‘o goberno protexerá as reunións fronte a quen trate de impedilas ou perturbalas’.

    Segundo o escrito remitido á ANPA, o procedemento iniciouse a proposta da Comisaría de Policía de Ribeira polo que os membros da Asociación solicitan unha copia da proposta de iniciación.

    Redacción Barbanza