RIBEIRA > Unha veciña da parroquia ribeiresa de Palmeira vén de denunciar a situación de discriminación á que, segundo ela, está a ser sometida polo executivo municipal. O departamento de Urbanismo denégalle o permiso para a construción dunha vivenda posto que o terreo non acada os cincocentos metros cadrados. Sen embargo, María Xesús Saíñas afirma que existen outras vivendas en construción na zona en fincas moito máis reducidas que a súa.
De ‘desesperada’ pódese cualificar a situación que atravesa a veciña de Palmeira, María Xesús Saíñas, ante a negativa do concello de concederlle a licenza de construción dunha vivenda. A afectada posúea unha finca que non acada os 500 metros cadrados, razón pola cal non pode edificar neste terreo.
As razóns esgrimidas polo departamento de Urbanismo non convencen a esta veciña que denuncia a existencia de irregularidades noutras construcións. Segundo afirma existen outras vivendas na zona edificadas en solares de tan só 300 metros cadrados así como outras que non se axustan á lei de Costas posto que están a ser construídas enriba mesmo da praia.
María Xesús Saíñas non comprende a actitude do executivo e atribúe a intereses económicos particulares de certos membros do concello a comisión deste tipo de irregularidades.
A afectada xa mantivo varios encontros co alcalde e o aparellador municipal pero a postura do executivo é inamovible, establecendo como mínmo a superficie de cincocentos metros para autorizar a edificación. Ante esta resposta, María Jesús Saíñas pensa esgotar tódalas vías posibles, chegando a ameazar incluso co suicidio como medida de presión.
Redacción Barbanza