O PP considera ‘abusivas’ as taxas de Portos pola ocupación do malecón ribeirés

    ruz_100_160606.jpgRIBEIRA > O PP de Ribeira vén de amosar o seu malestar ante a intención de Portos de comezar a cobrar as taxas pola ocupación da vía pública na Avenida do Malecón xa que esta medida afectaría negativamente ós negocios hostaleiros que instalan as súas terrazas nas beirarrúas. Por este motivo, o grupo popular ten previsto presentar unha moción para instar á Xunta a que manteña a situación actual na que o concello era o encargado de recadar unha taxa a cambio do mantemento diario da zona.

    Segundo anunciou o voceiro popular, Manuel Ruíz, a súa intención é amosar a solidariedade cos hostaleiros ribeireses que terían que facer fronte ás taxas ‘inxustas e abusivas’ impostas por Portos. Neste sentido,  instarán á Xunta de Galicia a paralizar o envío das comunicacións nas que se lles esixe o pago das taxas ós hostaleiros co obxectivo de mante-lo ‘acordo tácito’ existente ata o de agora, polo cal o concello recadaba unha taxa a cambio do mantemento e limpeza diaria da zona. No caso de non ser así, os populares consideran que Portos debería aboar o importe investido polo concello ata o momento nesta tarefa.malecn_200_160606.jpg

    Os populares non entenden as razóns que levaron á Xunta o cobro deste imposto cando o porto de Ribeira constitúe preto do 14 por cento da recadación de Portos en toda Galicia. Ruíz Rivas considera que esta medida responde a intereses economicistas que, neste e noutros casos, vén primando o goberno autonómico.

    Así mesmo, os populares criticaron a actitude ‘discriminatoria’  do bipartito de cara ó concello de Ribeira no que xa se teñen paralizado obras importantes como a ampliación do porto exterior ou a autovía do Barbanza. Insisten ademais na falla de respecto institucional xa que, ate o de agora, o concello non recibiu ningunha comunicación con respecto á obrigatoriedade no pago das taxas.

    Á espera do debate da moción no pleno que se celebrará o vindeiro luns 26 de xuño, os populares non descartan outro tipo de ordenanzas e actuacións a nivel municipal para evitar o prexuízo ó sector hostaleiro.

    Redacción Barbanza