Noia reparte os principais premios da campaña de Nadal da FEB

    RIANXO> A Federación de Empresarios do Barbanza celebrou esta pasada fin de semana en Rianxo o sorteo da súa campaña comercial de Nadal. Ademais de trinta vales de compra de trescentos euros cada un, sorteáronse un televisor LED de sesenta pulgadas e un coche. Con importantes novidades con respecto a anos anteriores, a FEB celebrou no auditorio rianxeiro o sorteo da súa campaña comercial de Nadal na que este ano tomaron parte uns 350 comercios asociados ás patronais de Rianxo, Boiro, Pobra, Ribeira, Noia, Outes e Mazaricos que puxeron en circulación ó redor de medio millón de rifas. Precisamente as grandes caixas cheas de papeletas de onde se extraían os boletos gañadores doutras edicións, deron paso este ano a seis pequenos bombos de onde saían as bolas que completarían a totalidade dos números gañadores. Bola a bola, baixo a atenta mirada do notario de Rianxo José María Rilo, fóronse completando tódolos números premiados, así como tamén varios suplentes, por si se dera o caso que non aparecese a rifa gañadora. Sen dúbida, un dos principias atractivos do sorteo era coñecer o número agraciado co premio estrela do sorteo deste ano, o coche, un Dacia Sandero. O boleto premiado foi o 056.247 vendido en Noia pola tenda de decoración Mundi Art. Para Noia foise tamén o segundo dos premios máis importantes do sorteo. Un televisor Led de sesenta pulgadas. O número premiado nesta ocasion foi o 080.789 vendido polo establecemento de roupa Tareixa Ferrer. A patronal comarcal sorteou ademais un total de trinta vales de compra de 300 euros cada un para gastar nos comercios adheridos á campaña. A lista completa cos números premiados xa pode consultarse na propia páxina web da entidade: www.feba.es.