As forzas sociais de Ribeira ven necesaria a ampliación dos atraques no porto

    RIBEIRA > A Comisión en Defensa da ampliación de atraques no porto de Ribeira volveu reiterar a necesidade de levar a cabo esta actuación canto antes. Os integrantes da mesma criticaron a actitude do goberno da Xunta de Galicia que non responde ás demandas do pobo ribeirés xa que o presidente aínda non accedeu a reunirse cos membros da comisión a pesar das súas reiteradas peticións.

    comisinportos_200_160606.jpgVan alá xa catro meses dende que a Comisión en Defensa da Ampliación dos Atraques no Porto de Ribeira solicitara unha entrevista co presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, para facerlle chegar a necesidade deste incremento sen que, ata o de agora, obtivera resposta por parte da administración autonómica.

    Na última xuntanza, os membros da comisión renovaron o seu compromiso coa ampliación dos atraques posto que a consideran fundamental para o desenvolvemento económico do concello. Por este motivo, demandan á Xunta de Galicia a realización do proxecto de ampliación adoptando a solución medioambiental máis axeitada para tódolos sectores afectados procedendo á materialización das axudas e indemnizacións no caso de que se vise danado algún banco marisqueiro.

    Tódolos membros desta comisión, integrada polos voceiros dos catro grupos municipais e representantes dos empresarios, amas de casa, armadores, arrastreiros, palangreiros e o presidente da empresa Frinsa, amosaron o seu apoio á ampliación coa excepción do presidente da confraría de pescadores que, como xa fixera anteriormente, prefire agardar a coñecer o proxecto definitivo para estudar o posible impacto nos bancos naturais antes de asinar o manifesto.

    Á espera de que os representantes do goberno autonómico manteñan un encontro coas forzas políticas, económicas e sociais do municipio, os membros da comisión seguirán a traballar para a posta en marcha desta actuación que afectaría ó principal porto de baixura de Galicia que, na actualidade, constitúe unha importante fonte de ingresos para o ente autonómico, Portos de Galicia.

    Redacción Barbanza