Prisión provisional, comunicada e sen fianza para os tres detidos polo alixo da Pobra

A POBRA> Prisión provisional, comunicada e sen fianza. A xuíza do Xulgado de Primeira Instancia de Ribeira, en funcións de garda, que está a levar o caso do alixo de cocaína intervida esta fin de semana na Pobra, na zona do Conchido, tomou esta decisión despois  de collerlle declaración ós tres, polo de agora, únicos detidos nesta operación.

Un dos prendidos sería o líder do clan dos ‘Fanchos, ó que presuntamente a investigación sitúa coma encargado de coordinar a recepción e custodia da droga.

De feito foi nunha vivenda e nun pendello da súa propiedade onde se localizaron os fardos de cocaína, uns 1.410 quilo.

A xuíza metía tamén entre reixas a outro veciño da Pobra implicado na operación, así como a un cidadán de nacionalidade croata, ó parecer vinculado á banda de centroeuropa a quen ía destinada a droga descargada.