VILAGARCÍA > Sardiñas asadas e música son os ingredientes principais do cuarto festival das Revenidas de Vilaxoán, en Vilagarcía. A Asociación Repichoca asará mil quilos de sardiñas o 15 de xullo e ademais ofrecerá gratuitamente os concertos de Malvela, Lamatumbá e Ruxe Ruxe.
Máis musical que nunca, o festival das Revenidas de Vilaxoán reunirá o día 15 pola noite a tres dos mellores grupos do panorama musical galego e con entrada gratuíta. Ruxe Ruxe repite este ano e ademais presenta o seu novo disco Fervendo. Este referente do folk rock galego celebra ademais este ano o seu décimo aniversario. Tamén estará Malvela cos seus cantos populares e Lamatumbá co seu primeiro disco Lume para que saia o sol. No apartado musical tamén estará Os Terribles de Arousa que participarán na alborada da mañá.
A organización non quixo desvelar quen será o pregoeiro deste ano pero si anunciou que preparará mil quilos das populares revenidas. As racións de sardiñas asadas despacharanse ás dúas e media da tarde e tamén ás oito e media da noite a un prezo de 4 euros. Ademais disto haberá actuacións infantís pola tarde.
Este é o ambicioso programa deseñado pola asociación Recreativo Cultural A Repichoca, que conta este ano con máis patrocinios. O día 15 volverán a contar con 50 voluntarios para que todo saia como esperan. Hai xa catro anos que este grupo vilaxoanés decidiu recuperar unha tradición que se remonta ós anos trinta e que o pobo facía coincidir coa festa da Virxe do Carme. Hoxe xa é de novo un referente no calendario festivo arousán.
Redacción Salnés