Pedro Piñeiro asegura que o patrimonio arqueolóxico de Rianxo está catalogado

    RIANXO > O alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro, desmentiu a denuncia feita polo BNG local sobre a escasa protección do patrimonio arqueolóxico da vila. Piñeiro afirma que o concello ten catalogados tódolos xacementos que existen en Rianxo e que están á espera de que a Xunta aprobe unha axuda económica para a recuperación do patrimonio rupestre da zona.

    O concello de Rianxo ten nestes momentos catalogados tódolos xacementos arqueolóxicos coñecidos do municipio. De acordo coas declaracións realizadas polo rexedor da corporación, Pedro Piñeiro, a vila foi unha das pioneiras en facer inventario dos seus bens culturais e actualmente están en fase de restauración todos aqueles xacementos expoliados, como é o caso dos petroglifos do Monte Pena. Pedro Piñeiro desminte así que este patrimonio estea desprotexido, aínda que recoñece que moitos dos achádegos están en propiedades privadas, polo que o seu control sobre eles non pode ser total.

    O alcalde de Rianxo insiste en que o concello xa presentou ante a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta unha axuda económica para a protección da riqueza rupestre da vila, entre os que destacan os xacementos de petroglifos, o Castro das Cercas en Isorna ou o Castelo da Lúa en O Pazo. Esta solicitude fíxose xa no pasado mes de novembro, pero parece, segundo afirma Pedro Piñeiro, que a súa aprovación farase esperar mentres a Administración non dispoña de recursos económicos suficientes.

    En relación á campaña informativa sobre o patrimonio da vila que tamén demandan os nacionalistas, o executivo rianxeiro recorda que xa ten solicitado á Consellería de Innovación e Industria outra subvención para financiar unha nova campaña turística destinada á promoción da cultura megalítica, a idade de bronce e a cultura castrexa.

    Redacción Barbanza