RIBEIRA > Un mozo barbanzán morreu o luns a consecuencia dun accidente de tráfico ocorrido arredor das oito da tarde no faro de Corrubedo. Ata o lugar do sinistro desprazáronse varias unidades de bombeiros e ambulancias da comarca aínda que nada se puido facer para salvar a vida do accidentado.
Carlos Sampedro González, de 23 anos e veciño de Ribeira, perdeu a vida o luns pola tarde ó chocar o vehículo que conducía contra o faro de Corrubedo. Según declaracións dunha testemuña do suceso á Garda Civil, o coche, un Seat Córdoba, circulaba a gran velocidade pola estrada que leva ó faro antes de sucede-lo sinistro.
Ata o lugar desprazáronse os bombeiros de Ribeira e Boiro e o equipo do Grumir para retira-lo vehículo e rescatar ó xoven, que morreu no acto, así como varios membros da policía xudicial de Ribeira para tomar fotografías e investigar as posibles causas do accidente.
No lugar do suceso podíanse observar aínda esta mañá os danos causados na estrutura do faro polo forte impacto do vehículo que embestiu a porta de entrada frontalmente.
Ata o momento, decoñécense os motivos polo que o vehículo circulaba a tan alta velocidade posto que o velocímetro detívose na marca dos 180 quilómetros por hora no momento do sinistro. Á espera de novos datos que contribúan a esclarece-lo suceso, a policía non descarta ningunha hipótese aínda que cada vez parece tomar máis forza a posibilidade dun suicidio.
Redacción Barbanza