Denunciados tres furtivos en Rianxo por venda ilegal e incumprir o estado de alarma

RIANXO> Nin co estado de alarma descansan os furtivos. Gardacostas de Galicia e a Policía Local de Rianxo identificaron a tres homes que trataban de vender ameixa polas vivendas. Ademais de venda ilegal foron denunciados por incumprimento das medidas de confinamento.

Foi un veciño de Rianxo quen dou a voz de alarma ó detectar a presenza de tres individuos que estaban a ofrecer ameixa de dubidosa procedencia polas vivendas de contorna. Ata o lugar desprazouse un equipo da policía local de Rianxo. Ó decatarse da súa presenza, os furtivos déronse á fuga pero foron interceptados minutos máis tarde nunha estrada secundaria en Dodro. Transportaban cinco quilos de ameixa xapónica extraída irregularmente posto que nin contaban con documentos que acreditasen a súa trazabilidade nin estaban en posesión do permiso de explotación.

Ante esta situación, a policía contactou co Servizo de Gardacostas para proceder coa correspondente acta de infracción. Ademais de por venda ilegal de marisco, os tres furtivos serán denunciados por un delito de desobediencia á autoridade, por tentar darse á fuga, así como polo incumprimento do confinamento establecido na declaración do estado de alarma. No caso do condutor, impútaselle tamén un delito contra a seguridade viaria por conducir baixo os efectos das drogas posto que dou positivo no consumo de varios estupefacientes.

O marisco incautado pola Policía Local foi entregado á confraría de pescadores de Rianxo para a súa devolución aos bancos marisqueiros locais mentres que o vehículo incautado quedou depositado nun inmoble da vila á espera de ser trasladado ás instalacións que o Servizo de Gardacostas de Galicia ten para a almacenaxe deste tipo de incautacións.

A Consellería do Mar agradece a colaboración cidadá en casos como este ó tempo que fai un chamamento á cidadanía para mercar unicamente produtos comercializados a través de canles legais. A actividade pesqueira e marisqueira así como os sistemas de control das zonas de produción segue en activo polo que os consumidores contan coa total garantía sanitaria. Nestes momentos, a Consellería insiste tamén insiste na obriga de cumprir as normas de confinamento decretadas pola Xunta e polo Goberno do Estado para facer fronte á alerta sanitaria xerada polo coronavirus.

 

 

 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí