O BNG critica a opacidade do cambio de titularidade dunha parcela na Tomada

    POBRA> O BNG da Pobra do Caramiñal interésase polo cambio de titularidade dunha parcela no polígono industrial da Tomada. Segundo os nacionalistas a entidade SEPES, que xestiona o parque empresarial, traspasou, de xeito pouco claro, un terreo de uso dotacional neste polígono a unha sociedade da que forman parte o presidente de honra do Partido Popular da localidade, Álvaro Vieites, e o candidato por esta mesma formación á alcaldía, Manolo Durán. Nada máis ter coñecemento da concesión por parte do concello dunha licenza para a construción dunha gasolineira no polígono industrial da Tomada, nun terreo de uso dotacional, o Bloque Nacionalista Galego, a instancias tamén doutros empresarios da localidade, comezou a realizar unha serie de pescudas para dar co nome do propietario ou propietarios desa parcela. A sorpresa dos nacionalistas foi máxima ó observar que a solicitude da dita licenza estaba asinada por unha sociedade da que forman parte o presidente de honra do Partido Popular na localidade, e o candidato á alcaldía, por esta mesma formación política, Manolo Durán. A pouca claridade do proceso levou os membros do BNG a presentar unha serie de preguntas ó pleno para tratar de esclarecer os mecanismos levados a cabo por SEPES, entidade pública que xestiona o parque empresarial pobrense, para outorgar ese permiso de obra, así como tamén se o goberno local foi coñecedor deste asunto. O que lle parece claro ós nacionalistas e que sobre este asunto existe unha gran opacidade, xa que os métodos empregados non cumpren cos principios que se lle deben esixir a toda Administración Pública, tendo en conta que os novos titulares da parcela son todos destacados militantes do Partido Popular. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/03marzo/26/bngpobraparcelapoligonotomada2603151.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/03marzo/26/bngpobraparcelapoligonotomada260315.mp4{/flowplayer}