Un novo tramo no paseo pobrés permite potenciar zonas case descoñecidas

    paseocabo_100_070706.jpgPOBRA > O paseo marítimo da Pobra do Caramiñal conta xa cun novo tramo aberto ó público. Para esta fase, comprendida entre Punta Mosquetón e Punta Cabío,  contouse cun orzamento superior ós seiscentos mil euros, aportados na súa totalidade polo Ministerio de Medio Ambiente.

    Potenciar lugares de gran valor paisaxístico e mellorar a accesibilidade dos veciños á praia de Lombiña Cabío son os obxectivos máis destacados polos asistentes á inauguración deste novo tramo do paseo da Pedra da Moura. Ó evento asistiron o alcalde da Pobra, Isaac Maceiras, a subdelegada do Goberno en Galicia, Obdulia Taboadela Álvarez, o xefe de Demarcación de Costas, Rafael Eimil ademais doutros membros do executivo local. Maceiras aproveitou a ocasión para destacar que a ampliación do paseo supón un importante pulo non só desde o punto de vista turístico, senón que tamén permitirá ós habitantes da zona admirar a beleza oculta que os rodea.

    Este novo tramo do paseo marítimo contará con tres miradores desde os que se divisa toda a Ría de Arousa ademais de paneles fixos nos que se informa ós transeúntes sobre as peculiaridades do terreo. O obxectivo desta obra, como destacou Obdulia Taboadela, é acondicionar o borde da praia mellorando os servizos e a accesibilidade a lugares de interese paisaxístico.paseocabo_200_070706.jpg

    Maceiras aproveitou a ocasión para recordar que dende o concello se segue apostando pola mellora do entorno natural, por iso nestes momentos estanse a centrar esforzos na recuperación das Xunqueiras de Venecia. Tamén nesta ocasión se puxeron en contacto co Ministerio para contar coa súa colaboración nunha obra que xa está moi adiantada, aínda que sen descoidar as obras de ampliación do paseo marítimo.

    Esta próxima fase das obras, comprendida entre Punta Mosquetón e a igrexa do Xobre, terá unha superficie aproximada de mil setecentos metros. Unha ampliación coa que se conseguirá que o paseo marítimo pobrés acade unha extensión próxima ós cinco quilómetros.

    Redacción Barbanza