O obradoiro ‘Illa de Sagres’ promove a eliminación das barreiras arquitectónicas

    RIBEIRA > A vindeira semana botará a andar en Ribeira o obradoiro de emprego ‘Illa de Sagres’. Un proxecto que lle vén de ser concedido ó executivo ribeirés por parte da Consellería de Traballo e que permitirá formar a unhas 35 persoas, fundamentalmente mulleres, maiores de 25 anos, nas especialidades de xardinería, carpintería e pavimentación con lastros.

    Un dos seus grandes obxectivos será a eliminación de barreiras arquitectónicas. Para este cometido o concello ribeirés contará coa colaboración da Asociación de Minusválidos do Barbanza, AMBAR, que será a encargada de supervisa-las obras que se leven a cabo para a mellora da accesibilidade no municipio.

    Outras das actuacións que se levarán a cabo serán o acondicionamento dos parques e zonas axardinadas existentes no municipio, así como a mellora do mobiliario urbano a través do módulo de carpintería.

    A posta en marcha do obradoiro de emprego posibilitará a inserción laboral de persoas desempregadas a partir de 25 anos, fundamentalmente mulleres. Proba delo é que das 35 persoas elixidas, un total de 23 son mulleres. Os alumnos-traballadores recibirán, ó mesmo tempo, formación teórica e práctica e ó remate do proxecto recibirán uns diplomas acreditativos da súa participación na experiencia.

    Durante a súa intervención o alcalde ribeirés referiuse ó alto índice de persoas que unha vez rematada a experiencia formativa acadan un posto de traballo, poñendo como exemplo a situación vivida hai uns anos co proxecto de Escola Taller.

    O director do obradoiro de emprego ‘Illa de Sagres’ será Carlos Sieira, que esta mañá na presentación do proxecto incidiu tamén na importancia da inserción laboral dos traballadores que participen nesta experiencia. Segundo el á par das clases teóricas e prácticas van a ter cursos de orientación de como buscar un traballo.

    Redacción Barbanza