A planta acuícola proxectada en Corrubedo emprazarase finalmente no Son

    corrubedo_100_120706.jpgRIBEIRA > A oposición dos veciños e da Plataforma pola Defensa Medioambiental de Corrubedo veñen de da-los seus froitos, xa que o presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, e a conselleira de Pesca, Carmen Gallego, acordaron nunha xuntanza co director xerente da empresa Stolt Sea Farm, Pablo García, que a planta acuícola proxectada pola firma norueguesa en Corrubedo, incluída no Plan de Parques de Tecnoloxía Alimentaria, se emprace finalmente no concello de Porto do Son.

    A empresa, que nun principio tiña previsto instalar a piscifactoría en Corrubedo, transmitiulle ó xefe do Executivo galego a súa decisión final de construír a planta neste novo emprazamento, atendendo á proposta realizada pola Consellería de Pesca.De feito, o departamento dirixido por Carmen Gallego mantivo diversas xuntanzas coa compañía nos últimos días dentro do marco de revisión e modificación do Plan Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria, que están levando a cabo as consellerías de Pesca, Política Territorial e Medio Ambiente.

    A pesares de que as instalacións promovidas por Stolt Sea Farm en Corrubedo non se atopan nun espazo incluído dentro Rede Natura, o Goberno galego considera que se trata dunha zona de alto valor paisaxístico, motivo polo cal propuxo á compañía un emprazamento alternativo no municipio de Porto do Son. Deste xeito, e tras varias negociacións, a firma acordou aceptar esta proposta, tal e como confirmou o xerente da empresa ó presidente do Goberno galego. Despois deste acordo coa empresa, a Xunta desenvolverá unha figura de protección para Corrubedo, de maneira que esta zona quede excluída do plan sectorial.corrubedo_200_120706.jpg

    A revisión do Plan de Parques de Tecnoloxía Alimentaria na costa galega, aprobado polo anterior Goberno, ten como obxectivo “conxugar os espazos dedicados á acuicultura co respecto ao medio ambiente, ademais de dotar ó plan dunha maior seguridade xurídica”. Trátase, polo tanto, de harmonizar e compatibilizar o desenvolvemento da actividade acuícola coa conservación e a protección da natureza. Por este motivo, ao igual que sucede coa planta de Stolt Sea Farm, a Xunta está a realizar unha análise individualizada de cada un dos proxectos incluídos no plan para valorar o seu grado de afección ao medio.

    O parlamentario socialista Xosé Manuel Lage manifestou tamén a súa satisfacción polo acordo acadado o que facilitará que a instalación da planta acuícola prevista para Corrubedo se traslade á Costa Galloufa en Porto do Son. Segundo el o novo emprazamento cumpre os requisitos de respecto ó medio ambiente e a potenciación económica da zona ó fío da actividade acuícola. Ademais suporá unha inversión de uns 50 millóns de euros e a creación de máis de 80 postos de traballo.

    Redacción Barbanza