Portos instalará un pantalán no porto ribeirés para evitar danos na flota artesanal

    RIBEIRA > Portos de Galicia instalará unha estrutura flotante nas inmediacións da dársena de Ribeira co obxectivo de reduci-la forte ondada que se produce na zona cando sopra o vento do nordés e que está a ocasionar desperfectos na flota artesanal amarrada no lugar.

    Varios técnicos de Portos de Galicia achegáronse ata Ribeira para manter unha reunión co patrón maior da Confraría e intentar así buscar unha solución ó problema. A forte ondada que se produce na zona do porto pesqueiro na que amarra habitualmente a flota artesanal está a ocasionar desperfectos nos barcos xa que, nalgúns casos, se soltan dos amarres e incluso chegan a chocar entre eles. A situación comezou, según indica o patrón maior, Antonio Argibay, dende a construcción do novo recheo portuario. A partir dese momento formouse na dársena unha especie de embude que provoca que o vento sopre con maior intensidade na zona dos pantaláns onde amarran estas embarcacións tradicionais.

    Na reunión que os técnicos do ente autonómico mantiveron co patrón maior presentáronse inicialmente seis propostas para resolve-lo problema. Finalmente decidiuse que a mellor opción sería colocar nas inmediacións da dársena un pantalán de protección duns oitenta metros de lonxitude. Con este sistema preténdese reduci-las ondas nun 30 por cento e evitar deste xeito desperfectos nas embarcacións artesanais amarradas no lugar.

    Redacción Barbanza