O Plan Único da Deputación destina máis de cinco millóns a servizos básicos no Barbanza

BARBANZA> O Plan Único da Deputación da Coruña destina máis de cinco millóns de euros a obras de saneamento e pavimentación no Barbanza. Dos once millóns e medio que destina o Plan Único á comarca durante este ano, máis de cinco millóns investiranse en pavimentación de camiños municipais e melloras na rede de saneamento. Son obras pequenas pero que suporán unha importante mellora na calidade de vida dos veciños posto que permitirán ampliar as redes de abastecemento de auga, dotar de saneamento ós núcleos que carecen deste servizo, construír beirarrúas en estradas moi transitadas por peóns ou pavimentar camiños en mal estado. Os concello de Ribeira e Boiro contarán con sendas partida de máis dun millón de euros. Entre os proxectos máis cuantiosos destaca a instalación de pluviais no polígono de Xarás ou a pavimentación en varios núcleos da serra do Barbanza como Montaña, A Galea ou Moimenta. Lousame destinará o total dos trescentos sesenta mil euros a obras de pavimentación ó igual que Outes, ó que lle corresponden máis de seiscentos mil euros. Porto do Son, cunha partida próxima ós setecentos mil euros, incluirá obras tan demandadas como a travesía da igrexa en Portosín ou o saneamento na parroquia de Xuño. Rianxo aposta principalmente pola mellora das redes de saneamento e abastecemento mentres que A Pobra acometerá unha actuación integral na Ponte e Bandaseca. Pola súa banda, Muros destinará os máis de douscentos mil euros que lle corresponden á rede hidráulica do parque o Chalón e á mellora da praza do Cristo en Tal. En Noia instalarase unha nova rede bombeo da Barquiña ó río do Porto.