BOIRO > O PP boirés vén de facerse eco das queixas dos veciños do Castro motivadas pola falla dun doutor substituto que se faga cargo do consultorio da parroquia durante as vacacións do seu médico de cabeceira. Por este motivo, os populares teñen previsto presentar unha moción no vindeiro pleno para instar á Xunta de Galicia a garantir un axeitado servizo médico así como un correcto funcionamento das instalacións sanitarias.
O grupo popular atribúe a problemática xurdida en Cabo de Cruz á ‘falla de previsión ou de interese’ da Consellería de Sanidade que debería garantir este ‘servizo básico’ para os cidadáns durante todo o ano. Ó seu entender, a Xunta de Galicia debería ter planificadas as substitucións por vacacións ou descanso do persoal, como veu acontecendo nos sucesivos gobernos do PP. Os populares sopeitan ademais que o peche temporal do consultorio pode ser un primeiro paso de cara á clausura definitiva do centro, o que suporía un importante prexuízo para os residentes da parroquia que terían que desprazarse ata o centro de saúde de Boiro para ser atendidos.
Ademais dos membros da asociación de veciños A Unión, que foi a primeira en sacar á luz esta situación, existen preto de mil veciños afectados, entre eles, o Club de Pensionistas e Xubilados da casa do mar ‘Mar e Terra’ que xa se sumou ás xestións iniciadas polo colectivo veciñal para evitar o incremento dos desprazamentos e os gastos para os pensionistas.
No texto da moción, o PP solicita ó goberno local que realice as xestións oportunas ante a Xunta de Galicia para designar un médico substituto para Santa María do Castro entre os meses de xullo e agosto. Así mesmo, pretenden acadar o compromiso da Consellería de Sanidade para garantir a continuidade do servizo de atención sanitaria na parroquia evitando o peche do consultorio nun futuro.
Outras reivindicacións veciñais, recollidas tamén polo grupo popular, refírense á necesidade de arranxo e mantemento das instalacións sanitarias que podería subsanarse coa habilitación de locais axeitados para ubicar os servizos de asistencia médica no futuro Centro Social.
Redacción Barbanza