Eroski e tripartito ultiman os detalles para a modificación puntual do convenio

    pedreira_100_150606.jpgBOIRO > As negociacións do concello de Boiro co grupo empresarial Eroski para a reubicación das súas instalacións na zona da Pedreira chegaron finalmente a bo porto e, na actualidade, só resta ultima-los detalles para a modificación puntual do convenio. O goberno levará a pleno a vindeira semana a súa aprobación que permitirá recupera-la finca de Goiáns para o patrimonio municipal.

    Tras meses de longas e polémicas negociacións, concello, Eroski e propietarios chegaron a un acordo para instala-la superficie comercial do grupo basco na zona da Pedreira que pasará de chan rústico a solo urbano. Deste xeito, o tripartito consigue un dos seus principais obxectivos dende a súa chegada ó poder como é a recuperación da finca e o Pazo de Goiáns para a titularidade municipal como estandarte do concello de Boiro. A modificación puntual do convenio será debatida no pleno do vindeiro xoves día 20, no que o alcalde agarda contar co respaldo suficiente para dar luz verde ó proxecto.goins_200_130706.jpg

    O rexedor local considera que se trata dun acordo moi vantaxoso tanto para o concello como para a cidadanía boiresa, non só pola posibilidade de urbanizar unha zona rústica ou pola recuperación de Goiáns como espazo público senón pola creación de novas infraestruturas que impulsarán o crecemento do municipio.

    Deira destacou ademais que a actuación na Pedreira leva aparellada tamén a urbanización e recuperación da ribeira do río Breiro que permitirá a creación dun paseo fluvial dende Carrofeito ata Barraña.

    Redacción Barbanza