Os tres principais candidatos á alcaldía de Pontevedra, cara a cara

    PONTEVEDRA > Os tres principais candidatos á alcaldía de Pontevedra, Teresa Casal, Telmo Martín e Miguel Anxo Fernández Lores, asistiron esta mañá a unha conferencia-coloquio na facultade de Ciencias Sociais e Comunicación. Alí, os tres aspirantes, presentaron parte dos seus proxectos para a cidade do Lérez.

    Os tres candidatos falaron do seu modelo para Pontevedra. O salón de graos da facultade foi o lugar elixido para este encontro entre os candidatos á alcaldía da capital.

    candidatospontevedra_140307.jpgTeresa Casal, a candidata socialista, falou dun modelo de cidade participativo, racional e dialogante. Suliñou a necesidade da implantación dun transporte público tanto urbano como interurbano. Casal recordou tamén a importancia do turismo, da industria e do medio ambiente.

    O máis agresivo dos candidatos foi Telmo Martín, o candidato á alcaldía polo Partido Popular. O ex alcalde de Sanxenxo presentou un ambicioso proxecto: A nova Pontevedra. Este aposta consta de sete áreas que mellorarán a estética e a funcionalidade da cidade do Lérez. Entre as atraccións desta nova Pontevedra está a creación da cidade económica do Burgo ou a construcción dun metro lixeiro para a capital. O candidato tamén falou do Pontetúnel, que percorrerá catro quilómetros dende a ponte dos Tirantes ata ENCE, e doutras medidas para alivialo tráfico. No referente a ENCE, Telmo Martín deixou moi clara a súa postura e asegurou que non quere o peche da planta senón o cambio de ubicación dentro da provincia. Lugar que, asegurou, xa ten en mente.

    O actual alcalde e candidato á reelección polo BNG, Miguel Anxo Fernández Lores, falou do seu modelo de cidade e das metas acadadas nestes últimos oito anos. Asegurou que Pontevedra segue crecendo en tódolos aspectos e manifestou que é unha cidade comercial, turista e universitaria.

    Tres candidatos e tres proxectos para Pontevedra. O vencedor, o próximo 27 de maio.

    Redacción Salnés