Mozos descendendes de emigrantes galegos descubren Galicia

    RIBEIRA > O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, estivo este martes no Parque Natural de Corrubedo, no concello de Ribeira, para recibir ós mozos e mozas descendentes de emigrantes galegos que chegaron a Galicia grazas ó programa ‘Descubre a túa orixe’.

    Un total de 315 rapaces descendentes de galegos pasarán quince días en Galicia nun campamento xuvenil organizado no marco do programa ‘Descubre a túa orixe’, promovido pola Secretaría Xeral de Emigración e a Dirección Xeral de Xuventude. O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, acompañado polo conselleiro de Medio Ambiente, o secretario xeral de Emigración e o director xeral de Xuventude, achegouse ata as dependencias do Parque Natural de Corrubedo para darlle a benvida a este numeroso grupo de visitantes. A maior parte dos participantes nesta edición son de Arxentina, aínda que tamén hai mozos procedentes doutros países como Uruguay, Brasil ou Venezuela, pero todos eles teñen en común ser de orixe galega, fillos ou netos de emigrantes que no seu día tiveron que abandoar Galicia para ir a traballar fóra.

    Durante a súa intervención, Emilio Pérez Touriño, mostrouse satisfeito co éxito desta iniciativa que ofrece ós rapaces a posibilidade de poder pasar uns días na terra dos seus familiares,  reencontrarse coas súas raíces e integrarse na vida cultural da comunidade. Ademais, Pérez Touriño lembrou a importancia da emigración galega, sinalando que forma parte da identidade da comunidade.

    O presidente indicou tamén que un dos obxectivos do actual goberno autonómico é o de converter a Galicia nun país de retorno. Para iso, dixo, están a por en marcha unha serie de iniciativas dirixidas á xente nova de orixe galega, entre elas, unha liña de axudas para cursar estudos universitarios e de posgrao en universidades galegas ou a posta en marcha dun plan de I+D que permitirá duplicar en cinco anos o número de investigadores en Galicia.

    Redacción Barbanza