Boiro será sede dos campionatos galegos de Voleibol infantil e cadete masculino

BOIRO> Boiro acollerá nas vindeiras semanas os campionatos galegos de voleibol nas dúas categorías infantís e en cadete masculino. Destas tres competicións sairán os representantes galegos no Campionato Nacional que se celebrará en Arousa Norte a principios de maio. A primeira das citas será este sábado cando se disputará o campionato galego infantil feminino netre catro equipos: o Jealsa Boiro, o Club Voleibol Ribeira Sacra, o Calasancias Coruña e o Korbis G. Seguros de Monforte. O domingo tocaralle a quenda ós equipos masculinos onde ademais do club local competirán o EMEVE de Lugo, o Calasancias da Coruña e o Santa María del Mar. Aínda que neste último o pase ó campionato nacional xa está asegurado dado o maior número de prazas para os equipos galegos, na categoría feminina como na cadete masculina, que se disputará o sábado 28, tan só se clasificarán os dous primeiros. Tódolos partidos terán lugar no pavillón da Cachada nos mesmos horarios. As semifinais pola mañá, ás dez e ás doce, o encontro entre o terceiro e o cuarto ás cinco e as finais a partir das sete. O concello de Boiro destacou a aposta da administración local por este deporte, con achegas ó club local que superan os trinta mil euros. Cómpre lembrar que os equipos clasificados participarán no campionato nacional que se desenvolverá nos catro municipios de Arousa Norte a principios de maio.