O BNG levará ó Parlamento a falla de médicos nos centros de saúde de Aguiño e Ribeira

RIBEIRA> O BNG levará ó Parlamento novamente as demandas da veciñanza de Aguiño para contar cunha axeitada atención sanitaria. Reclaman que o centro de saúde da parroquia ribeirense conte con dous médicos a xornada completa.

En outubro, os veciños da parroquia ribeirense de Aguiño iniciaban as súas mobilizacións para demandar unha cobertura sanitaria de calidade. Dende entón ningunha das dúas prazas médicas que lle correspondían foi cuberta  de xeito permanente posto que, din, o único que fixo Sanidade foi trasladar un médico do centro de saúde de Ribeira a tempo parcial.

Na iniciativa parlamentaria, que se debaterá a próxima semana, inclúen tamén a precaria situación en que se atopa o centro de saúde de Ribeira con cinco médicos menos dos que ten asignados.

Ademais de levar as demandas da veciñanza ó Parlamento, os nacionalistas seguirán a apoiar as súas mobilizacións. Ademais das concentracións de tódolos venres, está prevista unha gran manifestación polas rúas de Aguiño o sábado 15 de febreiro a partir das cinco da tarde.