Dous feridos leves nun aparatoso accidente na vía rápida do Barbanza

    RIANXO > A Vía Autonómica do Barbanza volveu rexistrar un novo accidente ó seu paso polo concello de Rianxo, no quilómetro 17’800. No sinistro víronse implicados catro turismos. A pesar da aparatosidade do mesmo non houbo que lamentar vítimas, resultando feridos leves dous dos condutores dos vehículos. A consecuencia da colisión a estrada estivo cortada durante unha hora e media .

    Segundo sinalaron fontes da Policía Local de Rianxo o accidente producíase no quilómetro 17’800 da Vía Autonómica do Barbanza, concretamente na saída existente neste concello en dirección a Ribeira.

    No suceso víronse implicados un total de catro vehículos: un Ford Fiesta con placas de matrícula 7276 BSC conducido por unha muller con iniciais M.J.P.V. veciña da Pobra do Caramiñal e que resultou ilesa; un Audi A4 con matricula 6867 DJL conducido por R.B.P. veciño de Cacheiras e que tamén resultou ileso; un Ford Orión con placas de matrícula C-0783-AJ conducido por J.L.A.C. veciño de Rianxo e que resultou ferido leve e un Seat Ibiza con matrícula C-6280-BW, conducido por F.J.H.R. veciño de Boiro e que tamén resultou ferido leve.

    Os dous feridos foron trasladados na ambulancia da Cruz Vermella de Rianxo ata o Hospital Clínico de Santiago.

    Ó parecer e segundo non informaron fontes policiais a colisión debeuse a unha invasión do carril contrario dun dos vehículos. Ata o lugar do accidente trasladáronse ademais da Policía Local e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, unha dotación da Garda Civil de Tráfico e Atestados, que estiveron regulando a circulación na zona durante unha hora e media entre as tres e media e as cinco da tarde, desviando o tráfico pola estrada AC-305. Esta situación provocou importantes retención debido a que se trataba dunhas horas con bastante tráfico nesta estrada de vehículos que se dirixen ata os areais da comarca.

    Redacción Barbanza