RIBEIRA > O concello de Ribeira prestará apoio xurídico ós veciños dos Areeiros para a tramitación do contencioso administrativo con Costas pola ampliación do deslinde marítimo. Este compromiso foi adquirido polo alcalde, Xosé Luís Torres Colomer, nunha xuntanza mantida cos afectados. A intención do executivo é minimizar o gasto dos veciños neste proceso.
Tras coñecer a desestimación das alegacións presentadas ó deslinde de cen metros na zona costeira dos Areeiros, os veciños de Castiñeiras decidiron iniciar un proceso contencioso-administrativo para o cal solicitaron o apoio o concello. Torres Colomer garantiu esa axuda na xuntanza mantida onte cos afectados aínda que polo momento está sen determinar o modo de materializala.
Os veciños teñen previsto iniciar os contactos cun avogado para inicia-lo recurso e mesmo contemplan a posibilidade de abrir dous procesos para esgotar tódalas posibilidades de cara a reduci-la zona de protección a vinte metros. A intención é conseguir que se recoñeza a existencia destes núcleos de vivendas dende antes da aprobación do deslinde establecendo unha zona de servidume de protección de vinte metros. Grazas á aportación do concello, os afectados esperan minimizar os gastos derivados do proceso xudicial.
O concello de Ribeira xa ten presentado un contencioso na Audiencia Nacional para recurrir este deslinde que, ate o de agora, continúa sen resolverse. Os veciños teñen de prazo ata o vindeiro mes de outubro para tramita-lo seu recur so no que, segundo manifestaron fontes municipais, terán o total apio do goberno local.
Redacción Barbanza