Carlos Baute encabeza o cartel das festas de verán de Ribeira

    RIBEIRA > O concello de Ribeira presentou o seu programa de festas de verán que se celebrarán no municipio entre os días dous e seis de agosto. A actuación estelar este ano correrá a cargo do cantante venezolano Carlos Baute que clausurará un programa de actividades repleto de música, danza, deporte e moita diversión.

    festasribeira_300_200706.jpgLonxe de conformarse coas actuacións programadas en Ribeira con motivo do centenario, a concellería de Cultura en colaboración coa Comisión de Festas deseñou un amplo e variado programa para celebrar os seus tradicionais festexos de agosto.

    Os principais destinatarios destas actividades serán os máis pequenos para os cales se organizará unha xornada multixogo o mércores día 2 dende a praza do concello ata a praia de Coroso. Nos vindeiros días poderán desfrutar tamén dun parque de inchables así como da xa tradicional festa da espuma.

    O cartel musical tampouco ten desperdicio e as verbenas nocturnas serán amenizadas por orquestras da talla de Salsa Rosa, Pontevedra, Jocker, Miramar, Panorama, Galáctica, París de Noia e Sintonía de Vigo. Porá o broche de ouro o concerto de Carlos Baute que se celebrará o domingo  seis de agosto no recheo da lonxa a partir das doce da noite.

    O sábado, día dedicado á virxe do Carme, terá lugar a tradicional procesión despois dunha misa cantada pola Coral Polifónica do Círculo Mercantil. Nesta mesma xornada, desputaranse tamén varia probas deportivas como a Travesía a Nado de Coroso, o Torneo Unicef de fútbol sala ou o X Trofeo de Xadrez de xóvenes promesas. Xa pola noite, os ribeireses poderán desfrutar dunha espectacular queima de fogos de artificio.

    O domingo, última xornada festiva, terá lugar a coronación das raíñas da flor e o desfile de carrozas seguido do espectáculo caribeño ‘El Tomasón’ que se desenvolverá na praza do concello a partir das dez da noite.

    Unha vez feito público o programa, a Comisión segue a traballar nos detalles finais así como na recadación de fondos para facer fronte ó presuposto que este ano oscila entre os 120 e os 130 mil euros. Polo momento, non tódalas actividades están pechadas, razón pola cal o concelleiro de Cultura non quixo adiantar a identidade do pregoeiro encargado de dar o pistoletazo de saída ós festexos. Como única pista desvelou que se trata dunha ‘chica Almodóvar’ pero haberá que agardar ata o día dous de agosto para coñecer quen é a elixida entre ese amplo abano de actrices.

    Redacción Barbanza