18:52 horas – Monxas votando en Vilagarcía

Si, como en calquera cita electoral que se prece, temos imaxes de monxas votando. Son desta mañá, no IES Valle-Inclán de Vilagarcía de Arousa.

18:16 horas – 16% máis de participación nas eleccións europeas

Fronte aos lixeiros incrementos de votación nas eleccións municipais, o incremento nas europeas é moi significativo. O segundo avance rexistra un aumento de 16 puntos: do 33,8% ao 50,1%. Por provincias: 16,4% máis na Coruña (do 32,45% ao 48,88%) e 16,1% máis en Pontevedra (do 34,53% ao 50,66%).

18:07 horas – A participación sobe lixeiramente nas provincias da Coruña e Pontevedra

Comezan a publicarse os resultados do segundo avance de participación nas eleccións municipais. Con algo menos do 60% de mesas transmitidas, en Galicia votou o 52,22% dos electores, fronte ao 50,97% que o fixera a esas alturas en 2015. Na provincia de Pontevedra aumenta un 1,9%, do 50,36% ao 52,3%, mentres que na Coruña a participación medra do 49,54% ao 50,69%, un 1,15% máis.

15:06 horas – Dieste aspira á súa terceira maioría absoluta en Boiro

O candidato do Partido Popular de Boiro, Juan José Dieste, votou na antiga escola Sagrada Familia de Lampón. Dieste, que leva ás súas costas dous mandatos como alcalde con maioría absoluta, destacou a madurez da xente para que “volva elixir con intelixencia o futuro dos próximos catro anos” e felicitou a todos os partidos.

15:02 horas – Luis Aragunde: “Temos moitos proxectos para Cambados”

O candidato do PP á alcaldía de Cambados, Luis Aragunde, asegurou que o seu partido ten “moitos proxectos e o mellor equipo para Cambados” se “a xente quere”. Aragunde votou no colexio de Magariños.

14:20 horas – Aumenta a participación respecto ás eleccións de 2019

Segundo os datos ofrecidos polo Ministerio do Interior no primeiro avance de participación nas eleccións locais de 2019, en Galicia a participación ata as 14:00 horas foi do 34,20%, un 0,9% máis respecto a 2015. Na provincia de Pontevedra participou o 34,81% dos electores (1,35% máis) e, na da Coruña, o 32,62% (0,71% máis). Se estes resultados son bos, aínda son mellores os do Parlamento Europeo: en Galicia participou o 32,9%, 12 puntos máis que en 2014. Por provincias: Pontevedra, 33,82% (12,59% máis) e A Coruña 31,62% (11,41% máis).

13:59 horas – Nervios entre o Partido Popular de Meis

O candidato á reelección polo Partido Popular de Meis, José Luís Pérez, recoñeceu que “tras 20 anos” estas son “as eleccións máis difíciles e tensas”. A partir de hoxe hai un novo rival entre as candidaturas: Independientes por Meis. A fragmentación, sumada ao feito de que leve gobernando dúas décadas e que en 2015 estiveron a 5 votos de non revalidar a súa maioría absoluta, fan pensar que é posible que se dea un cambio de cor na vila. O actual alcalde votou no CRA San Lourenzo.

13:56 horas – María Ramallo aspira ao seu terceiro mandato como alcaldesa de Marín

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, repite á fronte do Partido Popular na localidade e opta a revalidar no que sería xa o seu terceiro mandato á fronte do concello. Ramallo votou no IES Illa de Tambo agardando que os comicios se desenvolvan con normalidade e cun bo resultado para o seu partido.

13:33 horas – Revalidación fronte a cambio: así opinan as candidatas de CxG e BNG en Muros

A alcaldesa e candidata de Compromiso por Galicia en Muros, María Xosé Alfonso, votou na Escola Infantil de Tal e aamosouse confiada para revalidar a alcaldía mellorando os seus resultados actuais. Non opina o mesmo a candidata do BNG, María Lago, que desde o colexio Ramón de Artaza aspirou a que unha alta participación”traia aires de cambio no concello”.

13:31 horas – Fátima Abal presume de mandato

A alcaldesa e candidata socialista de Cambados, Fátima Abal, votou hoxe no colexio de Magariños despois do que considera “un bo mandato” e “unha gran campaña da que esperamos agora recoller os froitos”.

13:20 horas – Goyo Revenga presume de “campaña sensata”

O candidato de Ciudadanos en Pontevedra, Goyo Revenga, vén de votar no CEIP Campolongo asegurando que “fixemos unha campaña sensata e creo que imos ter un apoio masivo”.

13:14 horas – Un veciño de Boiro votou dúas veces

Incidente a primeira hora da mañá na Casa da Cultura da Cachada, en Boiro. Un veciño votou dúas veces e a xunta electoral de Noia terá que tomar esta noite unha decisión respecto aos votos desa mesa. Ampliamos información en canto coñezamos máis datos.

13:09 horas – Pleno de votacións en Ribadumia

Todos os candidatos á alcaldía de Ribadumia xa depositaron o seu voto. O candidato de Independientes por Ribadumia, o actual alcalde David Castro, exerceu o seu dereito no centro social de Barrantes con ganas de que a veciñanza siga confiando no seu partido para retomar “o proxectos destes catro anos”.

Moita ilusión tamén entre o resto de partidos ribadumienses: o PSdeG-PSOE, o BNG, o PP e Somos Ribadumia. Os seus aspirantes a alcalde aseguraron estar tranquilos e ilusionados polo traballo feito e os seus posibles resultados.

12:46 horas – Gonzalo Durán vota na Casa da Cultura de András

O candidato do PP de Vilanova, Gonzalo Durán Hermida, vén de votar na Casa da Cultura de András nuns comicios que se poderían volver dar a alcaldía da vila, coa que sumaría sete mandatos como alcalde. Ata o momento, acadou maioría absoluta en todas as ocasións.

12:44 horas – O PSdeG-PSOE de Vilagarcía aspira a seguir gobernando na cidade

O actual alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela Paz, depositou o seu voto no Auditorio municipal acompañado por boa parte dos seu compañeiros do PSdeG-PSOE. O candidato á reelección asegurou que desde as filas socialistas “estamos contentos co traballo feito. Esperamos que os veciños acudan a votar e sigan confiando en nós”.

12:34 horas – Vanesa Rodríguez Búa, estrea de Ciudadanos en Sanxenxo

A candidata á alcaldía de Sanxenxo por Ciudadanos, Vanesa Rodríguez Búa, intentará volver resultar elixida como concelleira pero esta vez desde unha formación nova. Cómpre lembrar que no ano 2015 concorreu na lista de SAL (Sanxenxo Agrupación Liberal), partido que abandonou tras non estar de acordo co pacto que levou a que Telmo Martín (PP) recuperara a alcaldía. Votou no CEIP O Cruceiro.

12:30 horas – Ángel Moldes soña coa alcaldía de Poio

O candidato do Partido Popular á alcaldía de Poio, Ángel Moldes, pide que os veciños escollan “o mellor futuro” para a vila. O popular depositou o seu voto no colexio Isidora Riestra acompañado polo seu fillo, Sebas.

12:02 horas – Rafa Domínguez: “As nosas expectativas foron mellorando”

O candidato do Partido Popular na cidade de Pontevedra, Rafa Domínguez, vén de depositar o seu voto no CEIP Álvarez Limeses. “Espero que teñamos un bo resultado, as expectativas que tiñamos foron mellorando e estou moi contento con como saíu todo”.

12:00 horas – Continúan as votacións dos candidatos en Ribeira, Sanxenxo ou Poio

Manuel Ruiz, candidato do PP de Ribeira á reelección como alcalde, vén de votar no Colexio O Grupo. O popular asegura que está a vivir esta xornada electoral con tranquilidade, pero á vez tamén con incertidume, e agarda que a xente pense no mellor para a vila.

Tamén exerceu o seu dereito a voto o candidato do BNG de Poio, o ata agora alcalde Luciano Sobral, que podería estar ás portas do seu sétimo mandato se revalida a confianza dos seus veciños e soñando cunha maioría absoluta de 9 edís. Exerceu o seu dereito a voto desde o Local Social de Campelo.

O exalcalde de Sanxenxo Gonzalo Pita, candidato de SAL (Sanxenxo Agrupación Liberal), votou no mesmo colexio que o actual alcalde, Telmo Martín: o colexio da Florida. Pita asegurou que “foron catro anos moi bos” durante os cales “a nosa mensaxe calou nos veciños”.

11:37 horas – Retraso en Bamio (Vilagarcía) por non dispoñer das papeletas das eleccións europeas

O colexio electoral de Bamio (Vilagarcía) vén de rexistrar un pequeno retraso despois de que varias persoas reclamasen pola falta de papeletas para votar ao Parlamento Europeo. O persoal xa as está instalando para poder retomar as votacións con normalidade canto antes.

11:37 horas – Tino Fernández: “o voto é unha arma de construción masiva”

O aspirante a alcalde polo Agrupación Socialista de Pontevedra, Tino Fernández, votou desde o Albergue de Peregrinos da cidade do Lérez. “O voto é unha arma de construción masiva, e é a forma que temos os cidadáns de cambio o mundo e de traballar polo futuro”. Sigue a actualidade minuto a minuto na nosa web

11:21 horas – O PSdeG-PSOE de Poio amósase confiado en mellorar os seus resultados

A candidata do PSdeG-PSOE en Poio, Chelo Besada, votou esta mañá na Escola Infantil de Tarrío, en Samieira. Ademais de animar a todos os veciños de Poio a que voten, a socialista e deputada provincial espera poder mellorar os resultados do seu partido na localidade.

11:17 horas – Telmo Martín: “Será a xente a que valore o noso traballo”

O candidato do Partido Popular de Sanxenxo, Telmo Martín González, vén de exercer o seu dereito a voto no colexio da Florida. Martín, que volveu á alcaldía á metade do mandato despois de que SAL lle cedese o bastón de mando, asegurou que “será a xente a que valore o noso traballo co seu voto, pero agora o importante é que haxa moita participación”.

11:13 horas – O candidato do BNG por Ribeira apela á alta participación

O candidato do BNG Ribeira, Xosé Antón Vázquez Cobas, exerceu o seu dereito a voto desde o Colexio Plurilingüe de Carreira. “Espero que sexa unha xornada de alta participación”

11:07 horas – Luís Rei: “O importante é non levar ningún golpe”

O cabeza de lista de Marea Pontevedra, Luís Rei, votou no colexio de Vilaverde acompañado pola número 2 da súa candidatura, Teresa Casal. Rei animou á cidadanía “a que ninguén quede na casa” e asegurou que “como din en Malpica, o importante é pasalo ben e non levar ningún golpe”.

11:05 horas – O candidato do PP de Noia móstrase confiado en acadar a reelección

Santiago Freire, cabeza de lista do Partido Popular de Noia, chamou á participación confiando en que acadará os apoios precisos para volverse situar á fronte do Concello de Noia.

11:00 horas – Primeiras votacións dos candidatos á alcaldía de Vilagarcía

Desde Vilagarcía, o candidato do PP Alfonso Gallego (que votou no CEIP Arealonga) avogou por “mellorar o proxecto para Vilagarcía”. O candidato de UPyD, José Luis Álvarez Tubío, asegura que é “un bo momento para levar para adiante os proxectos” desde o colexio de Cea, onde exerceu o seu dereito ao voto. Pola súa banda, o candidato de Vilagarcía en Común sinalou que “a xente está cansa de grandes infraestruturas” e quere “medidas para as familias”.

10:26 horas – Comezan a votar os candidatos de Sanxenxo

Desprazámonos ata o CEIP Cruceiro de Vilalonga, onde vén de votar a candidata do BNG de Sanxenxo, Sandra Fernández Agraso. A nacionalista sinalou que “xa nos toca estar no goberno todo un mandato e demostrar o que somos capaces de facer”. Tamén en Sanxenxo veñen de exercer o seu dereito a voto as candidatas do PSdeG-PSOE, Ainhoa Fervenza, e Somos En Marea Sanxenxo, Carmen Camiña.

10:09 horas – Votación de Lores

O aspirante á reelección polo BNG en Pontevedra, Miguel Ánxo Fernández Lores, é un dos candidatos máis madrugadores. O nacionalista vén de votar na Casa da Cultura de Marcón, onde nos asegurou que está convencido de que será “unha votación moi grande e masiva porque nos xogamos moito todos os pontevedreses e galegos”.