Boiro Novo demanda melloras na parroquia de Bealo

    BOIRO> Boiro Novo vén de presentar unha moción solicitando melloras na parroquia de Bealo. Ademais do acondicionamento da contorna da escola unitaria e a dotación de espazos de lecer, esixen a mellora da sinalización viaria en varios puntos. Hai algúns meses, Boiro Novo levou a pleno unha moción para a acometida de rede de auga na parroquia de Bealo que foi aprobada por unanimidade. Pero este servizo básico non é o único do que adoecía esta zona que carece de numerosas instalacións, mesmo dun parque infantil ou equipamentos de lecer, polo que os propios veciños chegaron a iniciar unha campaña de recollida de sinaturas. A mellora da seguridade viaria na estrada da Amanecida ó Confurco ou a dinamización do local social son outras das demandas que lle trasladaron os veciños. A dotación deste e doutros servizos son, segundo Boiro Novo, a mellor medida para paliar a crise demográfica no rural.