Os concellos de Boiro e Rianxo contarán con galescolas o vindeiro curso

    quintana_100_210706.jpgBOIRO > Anxo Quintana visitou o concello de Boiro con motivo da sinatura do convenio para o remate das obras da escola infantil municipal e do centro de día da localidade. O vicepresidente da Xunta foi recibido na casa consistorial polo alcalde Xosé Deira e outros representantes políticos locais.

    Ó ritmo das gaitas tradicionais era recibido Anxo Quintana na casa consistorial de Boiro. A visita tiña como obxectivo principal a firma do convenio para a realización das últimas obras no centro de día e na escola infantil e que suporán unha inversión de case douscentos mil euros. Uns traballos, según manifestou o alcalde da localidade, urxentes e necesarios para defender unha mellor calidade de vida das persoas da terceira idade e para axudar ás mulleres traballadoras a través dun servizo de atención á infancia, respectivamente.

    Con respecto á creación dunha rede galega de escolas públicas infantís, o vicepresidente da Xunta aproveitou a ocasión para explicar que para o vindeiro curso escolar se pretenden abrir 37 galescolas, con máis de dúas mil prazas para nenos de menos de tres anos, un proxecto que nesta primeira fase inclúe á comarca do Barbanza cunha escola en Boiro e outra en Rianxo. quintana_200_210706.jpg

    Ademais Anxo Quintana quixo resalta-la importancia de suministrar e crear servizos para a poboación e tamén a necesidade de buscar unha colaboración estable e fluida entre as diferentes administracións. Neste senso transmitiu o seu agradecemento á corporación municipal pola súa decisión de incorporarse ó Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, un mecanismo de colaboración entre institucións en temas con competencias compartidas como a educación.

    Pero a visita non rematou coa firma do convenio senón que posteriormente o vicepresidente da Xunta se desprazou ata o Castro de Neixón para visitar ós participantes no campo de traballo de arqueoloxía e tamén fixo unha visita ó campamento xuvenil de Espiñeira en compaña do director xeral de Xuventude, Rubén Cela. 

    Redacción Barbanza