Ribeira e Porto do Son son tamén o branco dos pirómanos

    BARBANZA > Consecuencias semellantes está a deixar o lume nos concellos de Ribeira e Porto do Son. Zonas de gran valor ecolóxico están a ser devastadas polas chamas mentres moitos veciños do Vilar, Couso ou Caamaño agardan ás portas dos seus fogares temerosos de que o lume chegue ata as súas casas.

    A zona de Couso, en Aguiño, está tamén a verse afectada polo lume, ata o punto de que foi necesario evacuar o polígono industrial ubicado no lugar. Ademáis de Couso, outros puntos de grande interese natural da cidade quedaron calcinados polas chamas. É o caso do parque periurbano de San Roque, as cercanías do camping Ría de Arousa 2, a zona de Muíños e mesmo parte do parque natural do Vilar. A inquietude entre os veciños é máxima. Eran moitos os veciños que permanecían fóra das súas casas agardando temerosos que o lume non se achegase ós seus fogares. Os equipos de extinción vense desbordados e os ribeireses traballan conxuntamente para axudar a apagar os lumes. 

    O alcalde ribeirés, Xosé Luis Torres Colomer, non puido evitar manifestar o seu sentimento de tristeza e desolación mentres percorría as zonas devastadas polo lume. Asegura que estes incendios teñen que ser provocados, posto que se inician varios focos simultaneamente, e aínda que dispoñen dun dispositivo de vixilancia, polo de agora non houbo ningunha detención.

    Outro dos lugares afectados foi na parroquia de Aguiño foi a zona dos castelos. Alí  o vento fixo que o lume se propagara moi rápidamente chegando incluso a unha zona de casas. Máis graves foron os rexistrados en Xuño e Caamaño, onde algúns veciños sufriron ataques de histeria e problemas respiratorios debido á densa fumareda. Incluso o persoal do hospital do Barbanza víuse obrigado a tomar precaucións preto dos depósitos de combustible para protexelos.

    Redacción Barbanza