A Deputación da Coruña pon en valor o turismo enolóxico co seu apoio ó Boviño Fest

BOIRO> Éxito da terceira edición do Boviño Fest que reuniu no Barbanza a unhas dez adegas de toda Galicia. O obxectivo desta cita á seguir a promocionar a IXP Viños da Terra do Barbanza e Iria ó tempo que se pon en valor a cultura, a paisaxe e o patrimonio. O evento conta co financiamento da Deputación da Coruña.

O viño como protagonista é a esencia do Boviño Fest que se celebrou esta fin de semana no Barbanza. Non só dende o punto de vista so sector produtor senón como un recurso turístico máis do territorio que ofrece experiencias vinculadas ó mundo vitivinícola. De feito, as xornadas, que se desenvolveron entre o xoves e o domingo, incluíron na súa programación rutas literarias e enolóxicas, catas musicais e poéticas, concertos, monólogos e clases maxistrais a cargo de destacados sumillers.

Xunto coas actividades desenvolvidas en adegas, o epicentro destas xornadas foi o pazo de Goiáns que contou cun túnel do viño para degustar os caldos da IXP Viños da Terra e Iria así como representantes doutras denominacións de orixe convidadas.

A Deputación da Coruña apoia o financiamento deste evento dende a súa orixe posto que se enmarca perfectamente na filosofía de converter ós axentes do propio territorio nun recurso turístico máis para ofrecer ós visitantes unha experiencia baseada nos saberes e nos sabores.

O vicepresidente da Deputación da Coruña destacou tamén o carácter transversal desta iniciativa que vai moito máis aló do viño poñendo en valor o patrimonio material e inmaterial da zona así como o esforzo e da tradición dos adegueiros.

As xornadas remataron este domingo cun encontro de adegueiros con cata monumental e degustación de paella. O éxito desta edición, que esgotou as entradas en cuestión de horas, anima á organización a seguir traballando para ampliar o Boviño Fest en futuras edicións.