POBRA> Dende hai varios días o servizo de urxencias de tarde do PAC da Pobra, que viña funcionando con regularidade dende as tres ás dez da noite, non atende. Ás portas do centro de saúde, un cartel informa desta incidencia, advertindo ós pacientes que para seren atendidos nese horario deben trasladarse ó centro de saúde de Ribeira ou ben ó hospital da Barbanza.
O motivo deste peche é, ó parecer, que un dos dous profesionais que traballan nel, se atopa nestes momentos de vacacións.
Para o BNG local trátase dun novo recorte, un exemplo máis do desmantelamento da sanidade pública que busca o Partido Popular.
Os nacionalistas levarán este asunto novamente ó Parlamento. Segundo eles o que se busca é eliminar servizos e alongar as listas de agarda, derivando os pacientes a outros centros que están saturados ou incrementar tamén a saturación nas urxencias do hospital da Barbanza.
O BNG esixirá a reposición de inmediato do servizo que se acaba de pechar. Temen que sexa un intento de Sanidade por eliminar definitivamente o PAC da Pobra.